Monday 06 de May de 2024

O Concello de Lousame reabrirá o ximnasio municipal a partir do mércores 7 de outubro


O Concello de Lousame reabrirá o vindeiro mércores 7 de outubro o ximnasio municipal, emprazado no polideportivo Pilar Barreiro Senra e que permanecía pechado dende o pasado 13 de marzo. As instalacións volverán abrir as súas portas, en horario de 19:00 a 22:00 horas, e as persoas interesadas en facer uso das mesmas deberán solicitar día e hora na oficina de Deportes (981 825 780).
O concelleiro de Deportes, Jesús Martínez, explica que “todas as persoas que desexen facer uso do ximnasio municipal deberán cumprir cos requisitos recollidos no protocolo Covid-19, como levar máscara, desinfectar todo o material despois do seu uso e atender as distintas normas de obrigado cumprimento que lles explicarán os técnicos municipais”.
As persoas usuarias deberán contactar coa oficina municipal de Deportes para elixir entre bono anual de 11 meses (cunha cota de 60 euros) ou bono mensual (cunha cota de 6 euros), en ambos casos con dereito a 3 horas semanais. Unha vez recibidas todas as peticións, o Departamento de Deportes elaborará unha planificación co obxectivo de que haxa as menores coincidencias posibles de persoas nas instalacións.